Salvemos Monteferro
Nova 55


La Voz de Galicia
Salvemos Monteferro

22/02/2006 | Cartas al director


Independentemente de que as iniciativas de urbanización de Monteferro promovidas pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán sexan ou non o prólogo dun máis ambicioso e lucrativo plan de recualificación dos terreos do monte, este proxecto é xa, per se, un auténtico disparate e despropósito.

As propias e reducidas dimensións do monte, un dos últimos espazos semivirxes da ría de Vigo e do Val Miñor, no que se pensan construír rotondas de 36 metros de diámetro, estradas de 12 metros; onde se ten pensado asfaltar pistas forestais con beirarrúas de lastras de.2,50 metros, instalar farois, recollida de pluviais, etcétera, reducirían e destruirían irreversiblemente unha superficie natural que contraditoriamente din que pretenden protexer e poñer ao servizo dos cidadáns.

Dende logo que as políticas proteccionistas serias non van polo camiño da substitución do verde polo negro, senón máis ben na liña da intervención mínima e imprescindible no medio co fin de preservar os espazos naturais no seu estado máis puro posible.

Por favor señores, fagan honor á súa ideoloxía conservadora e conserven de verdade. Déixennos gozar dos poucos espazos non estragados --probablemente ao seu pesar-- que aínda nos quedan no sur galego costeiro, e non toquen nada, por favor, non toquen nada.



               Fernando Gómez. Baiona.


Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte